16-11-2012

Convocado o I Encontro da Mocidade Investigadora (organbizado pola Escola de Doutoramento Internacional da USC), a celebrar entre os días 12-14 de decembro de 2012 na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, campus vida - Santiago de Compostela. Contacto: edi.campusvida@usc.es

14-11-2012

Concedido no marco de Plan Nacional de I+D+i_2012, o Proxecto coordinado "De los tiempos educativos a los tiempos sociales: la construcción cotidiana de la condición juvenil en una sociedad de redes", do que é IP José Antonio Caride, e no que participan grupos de investigación pertencentes ás Universidades de Barcelona, Burgos, Deusto, La Rioja, Santiago de Compostela, UNED e Valencia, integrados na Rede de estudios de ocio "OcioGune", coa que colabora activamente a Rede RINEF-CISOC.

A Rede

Grupos de investigación que forman a Rede


NOME DO GRUPO
INVESTIGADOR
PRINCIPAL
UNIVERSIDADE
CAMPUS
SEPA-interea.
Pedagoxía Social e Educación Ambiental (GI-1447)

José Antonio Caride Gómez
Universidade
de Santiago

Santiago de Compostela
GIE
Grupo Interuniversitario de Estudios (GI-1444)

Miguel A. Zabalza Beraza
Universidade
de Santiago

Santiago de Compostela
OLM-Optimización das Linguaxes Múltiples (GI-1913)
Andrés Jesús Suárez Yáñez
Universidade
de Santiago

Santiago de Compostela
EIDE
Equipo de Investigación en Diversidade Educativa
 (DO2)

Pilar González Fontao
Universidade
de Vigo

Ourense
GIE
Grupo de “Investigación Educativa” 
(DO1)

Alfonso Cid Sabucedo
Universidade
de Vigo

Ourense
PEHS
Grupo de Investigación Política Educativa, Historia e Sociedade
 (GOOO625)

Narciso de Gabriel Fernández
Universidade
da Coruña

A Coruña


A Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC) que motiva a presentación desta solicitude iniciou a súa constitución e primeiros desenvolvementos no ano 2009, coa vontade de articular e desenvolver iniciativas que contribúan á xeración de sinerxias cada vez máis fortes e competitivas no ámbito da investigación e a difusión de coñecemento, atendendo a unha dobre e complementaria intencionalidade: dunha banda, contribuír ao logro dun maior e mellor desenvolvemento da investigación educativa na e para a sociedade; doutra, promover novas lecturas na sociedade acerca da investigación educativa e das súas potencialidades para dar resposta a necesidades e demandas que melloren a calidade da educación, o benestar das persoas e o desenvolvemento humano.

Mais en concreto, a finalidade fundamental desta Rede é a de incrementar a masa crítica de investigadores educativos e sociais, activando dispositivos técnico-metodolóxicos, de articulación, xestión e coordinación que propicien unha máis plena participación dos saberes pedagóxicos no desenvolvemento social, cultural e educativo de Galicia, procurando satisfacer un dobre compromiso, de alcance local e global: 

a)     Por unha banda, ampliar a capacidade de inserción da investigación educativa e das Ciencias da Educación nas realidades cotiás da sociedade galega e nas comunidades científicas que conforman o SUG; así como naqueles proxectos de innovación e desenvolvemento que teñan como finalidade mellorar o sistema educativo, a calidade de vida e o benestar social do seus cidadás.

b)     Por outra, optimizar e proxectar en diferentes contextos xeográficos, socioeducativos e culturais as iniciativas investigadoras promovidas polos grupos que integran a Rede; preténdese un enfoque interdisciplinario e colaborativo que aproveite as potencialidades epistemolóxicas, metodolóxicas, tecnolóxicas e infraestruturais postas ao seu dispor, sexa nas interaccións establecidas entre a escola, as familias e a sociedade, o cotiá e o planetario, entre as novas tecnoloxías e o coñecemento, a formación e a inserción sociolaboral, ou a educación para a cidadanía e os dereitos cidadás na educación.

 

A Rede está integrada por un total de 6 Grupos de Investigación: tres deles adscritos á Universidade de Santiago de Compostela (campus de Santiago de Compostela); dous á Universidade de Vigo, no seu campus de Ourense; e un a Universidade da Coruña, no seu campus da Coruña, que se incorpora ao funcionamento da Rede neste ano 2011. Tamén está prevista a incorporación da profesora Dra. Ángeles Parrilla Latas, Catedrática de Didáctica e Organización Escolar, recentemente incorporada á Universidade de Vigo (antes na Universidade de Sevilla), cunha ampla traxectoria de investigación e proxectos competitivos e de traballo en redes.

As Áreas de Coñecemento nas que se sustenta o labor investigador da Rede a constituir se remiten, fundamentalmente, ás catro seguintes:

§ Teoría e Historia da Educación: Pedagoxía Social e Educación para a Cidadanía, Educación Ambiental e cultura da sustentabilidade, Educación Social e Políticas Culturais, Educación e Desenvolvemento Comunitario Local, etc.

 

§ Didáctica e Organización Escolar: Procesos formativos en diversos contextos, utilización das tecnoloxías da información e a comunicación nas institucións educativas, formación e inserción profesional e sociolaboral, atención a suxeitos con necesidades educativas especiais, problemáticas de xénero, etc.

 

§ Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación: Dificultades na aprendizaxe, desenvolvemento de programas de optimización da linguaxe escrita, medición educativa, avaliación de programas, etc.

 

§ Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal: Tratamento da linguaxe iconográfica, plástica e visual, dimensións da Educación Artística, Educación Física e Deportiva, etc.

 

No seu conxunto, pola traxectoria científica que acreditan como tales grupos e polo volume de investigadores e investigadoras que os integran (como membros e/ou colaboradores externos), conforman un potencial humano especialmente relevante para a investigación educativa e social en Galicia e, consecuentemente, para o desenvolvemento de iniciativas e proxectos de acción-intervención na súa sociedade, cun potencial multi e interdisciplinar especialmente salientable. 

En xeral, son reveladores do compromiso investigador destes 6 equipos e dos seus integrantes coas necesidades e problemáticas específicas –moitas delas emerxentes– da sociedade galega, así como da especial sensibilidade que veñen amosando para o logro dunha máis efectiva proxección competitiva exterior, sexa no contexto nacional español, sexa na xeografía ibérica, europea e/ou latinoamericana. 

A Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), mantén a súa intención de acadar un incremento cuantitativo e cualitativo nestas dinámicas, tanto para cada un dos seis grupos que a compoñen como para as catro áreas de coñecemento ás que adscriben o seu labor académico e investigador. 

A novidade dos seus enfoques, tanto desde o punto de vista temático como metodolóxico está suficientemente contrastada, tal e como reflicten as liñas de investigación emprendidas polos grupos que conforman a rede, a súa produción científica (publicacións en libros, monografías, revistas especializadas, teses de doutoramento, proxectos financiados en convocatorias competitivas, contratos, vinculación a sociedades científicas e outros grupos de investigación de ámbito nacional e internacional, etc.) e a transferencia de coñecemento acadada nos últimos anos en temas como: 

-   Metodoloxías cuantitativas-cualitativas na investigación educativa e social

-   Educación na e para a Cidadanía e os Dereitos Humanos.

-   Políticas públicas de educación e servizos á comunidade.

-   Atención a necesidades educativas e problemas de xénero.

-   Historia da  Educación en Galicia: Memoria e Historia.

-   Educación Intercultural, inclusión e atención educativa á diversidade.

-   Educación Social e Políticas Culturais nas Administracións Públicas.

-   Educación Ambiental, desenvolvemento comunitario e cultura da sustentabilidade.

-   Educación Artística e procesos creativos.

-   Tempos educativos e tempos sociais na sociedade rede.

-   Procesos de formación e inserción sociolaboral.

-   Mellora da educación escolar e avaliación de programas formativos.

-   Intervención en dificultades de aprendizaxe.

-   E-learning e aplicación das TIC aos procesos de ensino-aprendizaxe.

-   Construción de probas de avaliación de diferentes aspectos da linguaxe.

-   Deseño de materiais didácticos no tratamento das dificultades de aprendizaxe.

-   Recuperación de “coñecemento experto” e enxeñería do coñecemento.

-   Mellora da calidade das Universidades no marco do Espazo Europeo da Educación Superior.

-   O cambio e a innovación educativa, tendo como referencia os movementos sociais.

-   Promoción e programación do exercicio físico para a saúde.

-   Iniciación deportiva.