Benvida
A Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), creada nos inicios do ano 2009, no seo do Sistema Universitario Galego (SUG), articula e desenvolve un amplo conxunto de iniciativas académicas e investigadoras, coas que se pretende dar resposta a unha dobre e complementaria tarefa: dunha banda, contribuír ao logro dun maior e mellor desenvolvemento da investigación educativa na e para a sociedade; doutra, promover novas lecturas acerca da investigación educativa e das súas potencialidades para mellorar a calidade da educación, o benestar das persoas e o desenvolvemento humano.
Neste sentido, a finalidade fundamental da Rede, da que participan os grupos e investigadores/as que a integran nas tres Universidades galegas, reside en comprometer os saberes pedagóxicos cos procesos de cambio e transformación social que requiren as sociedades –local e global, da información e do coñecemento– do novo milenio, congruentes cos dereitos e deberes dunha cidadanía democrática, sustentada nos valores que alentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, a solidariedade, a paz...
A Rede está integrada por 6 Grupos de Investigación: tres deles adscritos á Universidade de Santiago de Compostela; dous á Universidade de Vigo; e un á Universidade da Coruña. En concreto, os que responden ás denominacións: “Pedagoxía Social e Educación Ambiental” (SEPA-interea)_GI-1447 da USC; “Grupo Interuniversitario de Estudios” (GIE)_GI-1444 da USC; “Optimización de Linguaxes Múltiples” (OML)_GI-1913 da USC; “Equipo de Investigación en Diversidade Educativa” (EIDE)_DO2 da UVigo; “Grupo de Investigación Educativa” (GIE)_DO1 da UVigo; e “Política Educativa, Historia e Sociedade” (PEHS)-G000625 da UdC.
As Áreas de Coñecemento nas que desenvolve o seu labor investigador a Rede, segundo o catálogo actualmente vixente nas Universidades españolas, son:
- Teoría e Historia da Educación: Pedagoxía Social e Educación para a Cidadanía, Educación Ambiental e cultura da sustentabilidade, Educación Social e Políticas Culturais, Educación e Desenvolvemento Comunitario Local, Historia da Educación, Políticas Educativas e Dereitos humanos, Tempos educativos e sociais, etc.
- Didáctica e Organización Escolar: Procesos formativos en diversos contextos, utilización das tecnoloxías da información e a comunicación nas institucións educativas, formación e inserción profesional e sociolaboral, atención a suxeitos con necesidades educativas especiais, problemáticas de xénero, etc.
- Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación: Dificultades na aprendizaxe, desenvolvemento de programas de optimización da linguaxe escrita, medición educativa, deseño e avaliación de programas, etc.
- Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal: Tratamento da linguaxe iconográfica, plástica e visual, dimensións da Educación Artística, Educación Física e Deportiva, etc.
No seu conxunto, pola traxectoria científica que acreditan como tales grupos e polo volume de investigadores e investigadoras que os integran conforman un potencial humano especialmente relevante na investigación educativa e social en Galicia e, consecuentemente, no desenvolvemento de iniciativas e proxectos de acción-intervención cun potencial multi e interdisciplinar especialmente salientable.
En xeral, son reveladores do compromiso científico da Rede RINEF-CISOC coas necesidades e problemáticas específicas da sociedade galega, así como da especial sensibilidade que veñen amosando para a transferencia do coñecemento aos seus contornos xeográficos e sociais, de alcance nacional e internacional. Unha perspectiva que se pon de manifesto nas amplas colaboracións que mantén a Rede con distintas entidades, sociedades científicas, redes de grupos de investigación, etc. en Galicia, España, Europa e América, moi especialmente nos países latinoamericanos e do Caribe.